Espazo Activo da Ulla - Pasabodeghas

Facebook Instagram

O Espazo Activo da Ulla é un espazo de cultura, encontro, lecer e animación. Nace no seo da Asociación Cultural San Campio no ano 2001 a partir de contactos persoais entre membros de asociacións.

A realización deste proxecto fundaméntase no valeiro existente de actividades alternativas nesta zona do rural, e na falla de espazos para o encontro; na procura da promoción e a cooperación cultural, a difusión e o espallamento da cultura das terras da Ulla en particular e da galega en xeral.

    Ten por obxectivos:

  • Promocionar alternativas socioculturais na comarca da Ulla.
  • Favorecer o desenvolvemento comunitario e endóxeno do territorio, poñendo en valor o rural.
  • Recuperar espazos para o encontro aproveitando ao máximo os recursos que ofrece a zona.
  • Incentivar o espírito creativo, xerando actividades, obradoiros, espectáculos, mostras, concertos…
Ao longo da súa vida esta iniciativa sufriu unha evolución, dando lugar a diferentes cambios no formato, partindo sempre dunha análise de necesidades e das inquedanzas dos veciños e veciñas e membros da entidade.

Actualmente realízase na última fin de semana do mes de outubro. Durante estes dous días xérase un gran espazo aberto e de convivencia, fomentando o intercambio de experiencias entre os asistentes, e entre estes e mailos veciños/as da zona a través das diferentes actividades.

A actividades estrela é o “Pasabodeghas” que se celebra o sábado pola tarde; unha ruta gaiteira por adegas-casas que se converten en espazos de gastronomía e cultura.

Pola noite no espazo “Festexarte” teñen lugar os concertos de grupos de música folk, ska, rock...
O domingo celébrase unha foliada con sesión vermú e tapeo.

A nivel xeral, hai un bo nivel de participación e implicación. Cóntase coa colaboración de diferentes axentes comunitarios (asociacións, grupos musicais, empresas, organismos públicos)… e tamén de particulares.

En definitiva, este proxecto interxeracional busca un uso activo e creativo do lecer da poboación xeral (nenos/as, mocidade, persoas adultas e maiores) ao tempo que pon en valor as manifestacións culturais galegas como parte do noso patrimonio cultural.

Espazo Activo 1 Espazo Activo 2 Espazo Activo 3
Pasabodeghas Festival

PASABODEGHAS

O "Pasabodeghas" é unha experiencia para desfrutar xente de tódalas idades; dende a cativada, pasando pola mocidade…e ata as persoas maiores.

Ten por obxectivo recuperar espazos para o encontro aproveitando ao máximo os recursos que ofrece a zona (adegas, eiras, camiños… viños, tapas…). Nos diferentes espazos encóntranse obradoiros, xogos populares, exposicións, postos de artesanía, produtos da terra, espectáculos de teatro, circo, animación, grupos de música tradicional, espazos de expresión e creación…

Nesta andaina comunitaria están implicados/as un amplo abano de colaboradores/as: adegueiros/as, veciños/as, grupos de música tradicional, voluntarios/as, as persoas que ceden exposicións, patrocinadores/as, o Concello de Vedra, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, os medios de comunicación…e ti…festeiro/a .

En definitiva, o "Pasabodeghas" busca que as persoas que asistan, descubran o sentir da aldea, coñezan as tradicións, os costumes, a gastronomía, a música e as súas xentes.

    Qué te vas atopar?

  • Espazo Infantil, con obradoiros e espectáculos, apto para tódolos públicos e para desfrutar en familia
  • Espazo de xogos populares para recuperar as tradicións
  • Postos de artesanía con produtos locais
  • Exposicións culturais distribuídas nas 9 adegas
  • Música tradicional ao longo da tarde en diferentes espazos
  • Viva da terra
  • A famosa subida "ghaiteira" dende o cruce da Pedreira, rematando cun espectáculo nocturno
  • Concertos de música folk e tradicional
Espazo Activo 1 Espazo Activo 2 Espazo Activo 3

Servizos

Icono de aparcamento

Aparcadoiro Gratuíto

Ampla zona de estacionamento sen custo para tod@s @s asistentes

Icono de acampada

Zona de Acampada

Espazo habilitado para tendas de campaña e autocaravanas

Icono de baños

Baños Portátiles

Servizos hixiénicos distribuídos por todo o recinto

Icono de asistencia sanitaria

Asistencia Sanitaria

Equipo médico e ambulancia durante todo o evento

Icono de seguros

Seguros

Cobertura completa para garantir a seguridade do evento

Icono de tren

Trens Turísticos

Transporte entre adegas para unha mellor experiencia

Icono de comida

Zona Gastronómica

Pulpeiro, posto de bocadillos e bebidas no espazo de concertos

Icono de comida

Puntos lila e arcoiris

Espazo seguro contra a violencia de xénero e de apoio á diversidade LGTBI

Pack Pasabodeghas

Para acceder ao recinto débese adquirir o “Packs Pasabodeghas” (será un número limitado).

O “Pasabodeghas” non é gratis, o/a maior patrocinador/a eres ti colaborando coa adquisión do “Pack Pasabodeghas” que che dará acceso ao recinto. Esta é a maneira de financiar un amplo programa de actividades, degustacións…

- “Pack Pasabodeghas xeral” (de 18 anos en diante): Inclúe: xerro de barro, degustación de viño, refrescos e tapa nas 10 adegas, ambiente festeiro con música tradicional, espectáculos, mostras, concertos…

- “Pack Pasabodeghas xuvenil”(de 12 a 17 anos): Inclúe: xerro de barro, degustación de refrescos e tapa nas 10 adegas, ambiente festeiro con música tradicional, espectáculos, mostras, concertos…. Os menores de 18 anos non poderán consumir bebidas alcohólicas.

- Os/as menores de 12 anos poderán acceder ao recinto de forma libre, pero precisan vir acompañados/as dun adulto responsable para poder entrar. De forma opcional poden adquirir o “Pack Infantil”: Inclúe: un xerro infantil, lambetadas, degustación de refrescos…e moito máis.

Cartel Xeral do Pasabodeghas

Edicións anteriores

📅 EDICIÓN 2025 Ver cartel, programa e concertos da edición 2025
Concerto Subida 2 Grafiti Pasabodeghas Xente Filloas Tren Artesan Subida Xente 2 Acordeon Panderetas

Preguntas Frecuentes

A partir dos 12 anos É NECESARIO O PACK PASABODEGHAS PARA ACCEDER Á RUTA.

De 12 a 18 anos só poden consumir bebidas non alcohólicas (refrescos e auga).

Os menores de 12 anos entran gratis acompañados dun adulto, e poden mercar un pack infantil o día do evento, que inclúe xerro infantil, pulseira, lambonadas.

Inclúe xerro de barro, pulseira, degustación de bebidas e tapas, ambiente festeiro con música tradicional, espectáculos, mostras, concertos...

Ubicación

Davila

Participando, apoiando, compartindo, colaborando, construíndo, …poderemos dicir…

Pasabodeghas…e o millo?...sen apañar!